Thursday 18 de April de 2024

Masculinidades positivas a debate en Brión


Mañá xoves, ás 12:00 horas, terá lugar un acto de lectura do manifesto contra a violencia de xénero e dunhas poesías da campaña “De fronte”

Unha ducia de veciños de Brión participou na noite de onte nunha charla-obradoiro sobre masculinidades positivas impartida por Xosé Cabido. Unha actividade que tivo unha moi boa acollida entre os participantes, como demostra que o obradoiro se alongou media hora sobre as dúas obras previstas.

Durante o obradoiro, os participantes reflexionaron sobre como lle afectan aos homes os estereotipos e os roles que o machismo lles impón dende que nacen: non poder chorar, amosar sentimentos de afecto en público, ter que ocultar o medo e as inseguridades, etc. Todas estas imposicións sobre “como debe ser e comportarse un home”, a chamada masculinidade tradicional ou hexemónica, afecta negativamente ao longo da vida, acumulando tensións, frustracións, dificultando a xestión das emocións, etc. Problemáticas que en moitas ocasións derivan en agresividade, consumo de drogas ou incluso no suicidio, como única vía de escape.

“O machismo non só afecta ás mulleres. O machismo aféctanos negativamente a todas as persoas. Por isto o lema elixido este ano para esta semana do 25N é Liberémonos das violencias machistas!”, explica Rosa Romero, concelleira de Igualdade de Brión. Ao rematar, todos os participantes recibiron unha mochila co lema “Brión A Prol do Bo Trato” con 2 carteis da campaña e unha chapa.

25 de novembro

O propio 25 de novembro, ás 12:00 horas, terá lugar un acto de lectura do manifesto contra a violencia de xénero e dunhas poesías da campaña “De Fronte”. Será na praza do Concello de Brión, edificio que pola noite estará alumeada de lila nas noites do 24 e 25 de novembro.